SITUACIÓN E REFERENCIAS HISTÓRICAS

​​​O Pazo do Faramello é un edificio de comezos do século XVIII de estilo barroco compostelán civil, con marcadas influencias italianas que delatan a orixe xenovesa do seu fundador, o Marqués de Piombino.


Situado de cheo no corazón da Comarca do Sar, atópase equidistante en 12 km de Padrón e Santiago de Compostela,  sendo o último Pazo atravesado polo Camiño portugués antes de chegar á capital compostelá.


O eido abrangue unha superficie de 126.000 m2 e o edificio principal supera os 2100 m2 magnificamente construídos. Salienta entre a elite dos grandes pazos galegos pola súa orixe industrial, xa que se fundou a partir da Real Fábrica de Papel do Faramello, 1710, pioneira e abandeirada da industria galega por máis de dous séculos e da  cal aínda se poden visitar os antigos muíños cos seus correspondentes apeiros.


O Pazo está construído en terrazas sobre o canón do río, rodeado por unha fragua milenaria de carballeira xacobea en fráxil equilibrio, pero mantida en perfecto estado e en permanente recuperación. Este esforzo de conservación vese amplamente recompensado coa abraiante biodiversidade do lugar: londras, mouchos, garzas reais, parrulos silvestres, troitas, ras vermellas, esquíos, furóns, picapeixes, raposos vermellos ou especies ameazadas coma o lagarto das silvas  de cor turquesa atopan no Faramello un reduto de protección.


Abundan as referencias históricas e literarias do Pazo, nas súas antigas cabalarizas albergouse o arsenal contra as tropas francesas nas revoltas do 2 de Xuño de 1808  e  foi referencia literaria dalgúns dos máis ilustres escritores galegos (Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Cela). Cómpre salientar que é unha das contornas principais da novela de Alejandro Pérez Lugín “La casa de la Troya”, de 1915, reflexo estudantil da nobreza compostelá e, na súa época, unha das novelas máis lidas da literatura en castelán.


Como curiosidade, paga a pena subliñar que o lendario castro celta da Raíña Lupa se atopa situado nas marxes do eido.


O Pazo do Faramello serviu de residencia estival da S.M. o Rei Alfonso XIII e do Infante D. Luís de Baviera nas súas visitas a Santiago. A Presidencia da Xunta de Galicia solicitouno en varias ocasións para dar o discurso do Nadal do Presidente D. Manuel Fraga Iribarne. 


A capela do Pazo (1727) acolle un retablo de madeira realizado por un dos escultores barrocos capitais da Catedral de Santiago, o mestre José Gambino, nado no Pazo.


O Señor do Faramello ostenta a honra, xamais exercida, de poder entrar na Catedral de Santiago dacabalo, dereito outorgado por Privilexio Real en 1815.

Castro-gil

  • Wix Facebook page
  • Wix Twitter page
  • Instagram Social Icon
  • Wix Google+ page
  • YouTube Social  Icon
  • Trip Advisor Social Icon
  • LinkedIn Social Icon