
O PAZO
" no pazo onde nunca xea, a súa beleza conxeloume a alma "
Rosalía
Unha viaxe interior...
O Pazo do Faramello ofrece personalizar os seus eventos nun ambiente espectacular, ateigado de historia e dunha beleza natural incomparable.
Incógnito e invisible desde o exterior, cruzando os seus muros deixaremos atrás calquera son que non sexa o da natureza no seu esplendor, o continuo devir da auga será dende agora o noso acompañante.
Estanques, piscinas, fontes, canles, pozas naturais… a fusión de pedra e a auga transmite unha espiritualidade incomparable e cóntanos as orixes do Pazo, unha antiga fábrica de papel, o mellor que xamais se fabricou en terra galaica e por iso o único que luciu orgulloso a Coroa Real.
Nas súas máis de dúas hectáreas acondicionadas en terrazas sobre a fragua, poderemos gozar de xardíns franceses decimonónicos en perfecto estado de conservación, facer unha pausa á beira das fervenzas naturais do río, troiteiro e cristalino, polo que linda o Camiño de Santiago, pasear por antigas viñas esparexidas entre máis de 50 especies de árbores froiteiras que nos devolverán sabores perdidos, admirar os vestixios do Castro da máis lendaria das Raíñas Celtas, visitar un dos muíños industriais máis antigos de Galicia, perdernos baixo a bóveda dunha antiga capela de pedra cuxo retablo foi realizado pola mesma man que esculpiu fragmentos de gloria na Gran Catedral... ou simplemente deter por un segundo o paso do tempo e contemplar o mundo na súa inmensa beleza.
Na contorna do Pazo, os seus muros centenarios acollerannos nunha terraza barroca de puro estilo compostelán... escudos aderezados de soles e lúas transmitirán a grandeza dun lugar incomparable.
"Hay muchos pazos, el Faramello es único"
Emilia Pardo Bazán
